Onte o alumnado de 5º e 6º de Primaria viviu unha xornada moi especial en Pontevedra xunto á asociación ENKI, unha entidade que promove o deporte inclusivo e a educación en valores a través da actividade física.
Durante a actividade, os nenos e nenas participaron en diferentes deportes adaptados, que lles permitiron experimentar como é practicar actividade física desde outras realidades. Entre as propostas, tiveron a oportunidade de xogar cos ollos tapados, utilizar cadeiras de rodas e afrontar diversos retos que lles fixeron reflexionar sobre a importancia da accesibilidade e da igualdade de oportunidades no deporte.
Máis alá da práctica deportiva, a xornada converteuse nunha experiencia moi enriquecedora na que o alumnado puido traballar valores fundamentais como a empatía, o respecto e a inclusión.
Desde o Colexio San Fermín queremos agradecer á Asociación ENKI a organización desta actividade e o seu compromiso por promover unha visión do deporte aberta, participativa e accesible para todos e todas.










