Colegio San Fermín

Samaín 2025

Hoxe o noso colexio encheuse de ilusión, creatividade e algunha que outra dose de misterio para celebrar o Samaín. O alumnado celebrou esta festa tradicional a través de actividades pensadas para fomentar a participación, o xogo e a convivencia.

Ao longo do día, os nenos e nenas gozaron con disfraces orixinais e moi imaxinativos, convertendo os corredores do centro nun escenario cheo de cores e personaxes fantásticos. Ademais dos xogos e propostas lúdicas, cada grupo puido asistir a un conto terrorífico que incluía unha pasaxe do terror, preparada para que os máis valentes vivisen unha experiencia diferente, divertida e chea de emoción.

As familias tamén tiveron un papel especial nesta celebración, xa que cada clase preparou unha merenda con comida achegada polos fogares, creando un momento de convivencia no que compartir sabores e bo ambiente.

O Samaín no Colexio San Fermín volveu ser unha festa inesquecible, grazas ao entusiasmo do alumnado e á colaboración de toda a comunidade educativa. Foi, sen dúbida, un día terriblemente divertido!