Este curso incorporamos unha nova zona ao Colexio San Fermín: o noso horto escolar, un espazo cheo de vida que xa se converteu nun dos recunchos favoritos do alumnado.
Desde os máis pequenos de Infantil ata os maiores de Primaria, todos participan no seu coidado e mantemento, asumindo diferentes responsabilidades segundo a súa idade. Algúns encárganse de mover as macetas para que reciban a luz necesaria, outros regan as plantas con regularidade e outros colaboran nas tarefas de transplante e acondicionamento dos cultivos.
Estas pequenas accións permiten ao alumnado observar de preto o ciclo de vida das plantas, comprender as súas necesidades e desenvolver hábitos de responsabilidade, paciencia e respecto polos seres vivos e polo medio natural.
O horto converteuse tamén nunha valiosa ferramenta educativa, xa que favorece a aprendizaxe a través da experiencia directa e fomenta valores relacionados coa sustentabilidade e o coidado do entorno.
E os resultados xa comezan a verse: tivemos a alegría de descubrir os primeiros amorodos e tomates da tempada, un premio ao esforzo e á dedicación de todos os que participan neste proxecto.
Seguiremos coidando o noso horto e aprendendo del día tras día, vendo como medran as plantas e, con elas, tamén os nosos coñecementos e responsabilidades. 🌱🍓🍅













