O alumnado de 5.º e 6.º de Primaria desfrutou dunha saída didáctica ao Concello de Vigo, unha actividade pensada para achegarlles o funcionamento das institucións locais e promover a participación activa na vida da cidade.
A visita comezou cun percorrido polas distintas dependencias municipais, onde puideron coñecer de preto o traballo que se realiza en cada unha delas e a importancia dos servizos que ofrecen á cidadanía.
Un dos momentos máis especiais da xornada foi o encontro co alcalde de Vigo. O noso alumnado tivo a oportunidade de facerlle preguntas e propoñer ideas para mellorar a cidade, exercitando así o pensamento crítico, a expresión oral e o compromiso social.
Ao longo da actividade tamén realizaron diferentes experiencias científicas, entre elas un experimento para comprobar se a auga é potable e coñecer o grao de salinidade mediante o uso de instrumentos de análise. Unha maneira práctica e motivadora de unir ciencia e educación cívica.
Foi unha experiencia educativa, divertida e chea de aprendizaxes significativas, que axudou ao alumnado a comprender mellor como funciona o seu entorno máis próximo.
Desde o Colexio San Fermín agradecemos ao Concello de Vigo e ao seu persoal a súa atención, amabilidade e disposición para facer posible esta actividade.














