O noso Entroido estivo este ano marcado pola creatividade e polo traballo arredor das emocións. A comparsa do Colexio San Fermín inspirouse na película Del Revés (Inside Out) e no conto El Monstruo de Colores, convertendo o desfile nunha auténtica celebración do mundo emocional.
O alumnado de Primaria saíu á rúa caracterizado como alegría, tristeza, ira, medo, noxo, ansiedade, vergoña, envexa e aburrimento, lembrándonos que todas as emocións son necesarias e que cada unha cumpre unha función importante no noso día a día. A través do vestiario e da posta en escena, transmitiron unha mensaxe clara: recoñecer e expresar o que sentimos é fundamental para medrar de maneira saudable.
Pola súa banda, o alumnado de Infantil encheu o desfile de cor e tenrura inspirándose en El Monstruo de Colores, dando vida ás emocións dunha forma visual, alegre e moi coidada. Cada detalle dos disfraces reflectiu o traballo previo realizado nas aulas sobre educación emocional.
Foi unha xornada chea de ilusión, participación e sorrisos, na que o noso alumnado gozou cada momento do percorrido. Un Entroido diferente, no que celebrar tamén significou aprender a sentir, comprender e compartir emocións.
Porque educar nas emocións tamén forma parte da nosa maneira de ensinar e de medrar xuntos.



















